
Máis de 40 persoas participaron nestas accións formativas, que teñen como obxectivo principal a divulgación de consellos teóricos e prácticos no manexo do oliveiral, que van dende a poda ata suliñar a importancia do control dos solos para obter resultados satisfactorios.
Ourense, febreiro de 2025
Esta pasada fin de semana tiveron lugar as últimas actividades formativas organizadas pola Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia. Concretamente foron en Mandín (Verín) o sábado 22, e en Bandeira (Silleda) o domingo 23 de febreiro. A estas, súmase a realizada o pasado 25 de xaneiro en Marcón (Pontevedra).
Estas accións enmárcanse dentro da área de traballo de formación e boas prácticas da asociación APAAG que, en palabras do seu presidente, Alfonso R. Udías, teñen como obxectivo principal
“contribuír á divulgación de consellos teóricos e prácticos no manexo do oliveiral, que van desde a poda ata subliñar a importancia do control dos solos para obter resultados satisfactorios. A oliveira en Galicia é un sector pequeno e disperso en diversas zonas sobre todo da metade sur. Por iso intentamos achegar as actividades da APAAG aos distintos concellos onde temos plantacións de asociados”.
Para as vindeiras semanas, APAAG está a traballar en organizar algunha actividade máis na zona do Val do Sil, e tamén estará presente na Mostra do Aceite de Quiroga, que neste 2025 acollerá un novo formato.
Tras o parón invernal, estas datas son as máis importantes na xestión do oliveiral, xa que é momento de realizar os traballos de preparación das plantacións para unha nova etapa de crecemento. É por iso que a APAAG concentra nos meses previos a maior parte de actividades para a formación dos asociados.

